sábado, 31 de enero de 2009

O intento de Rosa Díez


A prepotencia coa que a ex-socialista Rosa Díez viu a Galicia a auto cualificarse de "clave para o futuro de Galicia" deixounos apampanados.

Esta señora, que deixou plantado ao partido ao non acadar o seu obxectivo de lograr a Secretaría Xeral do PSOE, empregando coma excusa o política antiterrorista do Partido Socialista, pretende dar leccións aos galegos con propostas copiadas dos "biligües", ou con ideas-lumbrera como a unificación das 3 universidades galegas nunha soa.

Dende logo, nunca é tarde para sorprenderse, e ben é certo que esta socialista que agora renega dos seus ideais, apoiou o que agora di que rexeita: a preponderancia do idioma da Autonomía sobre o castelán.

Vemos cómo o único que ten Rosa Díez son palabras, xa que feitos que a respalden non ten moitos.

Será que agora atopou un filón con iso do idioma e ven a Galicia a intentar roubarlle uns cantos votos ao partido que lle deu a oportunidade de ser o que hoxe é.

Veremos cánto convence ao electorado.

viernes, 30 de enero de 2009

Finalmente será un, e con tres

Xa está pactado o debate que haberá na campaña electoral.

Finalmente será un só debate e con tres participantes: Touriño, Feijoo e Quintana. O líder dos nosos socios de goberno non deu o brazo a torcer e non permitiu que o debate fose a dous, como pretendía Feijoo ou nós mesmos.

O debate será na TVG, a televisión de tódolos galegos e galegas o día 20 de febreiro, e non haberá encontro na Arxentina como sospeitabamos. Unha mágoa...

Continúa o boicot ao voto emigrante

Xa é definitivo: a Junta Electoral Central (JEC), decidiu onte que cederá ante as presións do PP para invalidar calquera voto provinte do exterior que non adxunte unha fotocopia do DNI, Pasaporte ou Certificado de nacionalidade.

Desta forma se restrinxe un pouco mais o dereito ao voto dos emigrantes, que non poderán exerce-lo seu dereito ao voto se carecen destes documentos acreditativos.

A excusa é que deste xeito se controla mais que non voten os mortos... tremenda parvada.

Está claro que o que pretende a Oposición é minimizar os danos que o voto emigrante lle vai producir ao seu partido, pero nós agardamos que o PSdeG cumpra co seu anuncio e que recurra esta decisión para futuras votacións, xa que o sufraxio é universal, e a universalidade non debe estar condicionada a estar en posesión de documentos que moitos non teñen.

Preséntase a lista de Pontevedra sen Touriño

Antonte presentouse no Hotel Pazo dos Escudos a lista definitiva do PSdeG para a provincia de Pontevedra de cara as inminentes eleccións do 1 de Marzo. E sorprendentemente faltou o presidente, Emilio Pérez Touriño.

Foron moitos os presentes que non entendemos porque Touriño non estivo onte na presentación da candidatura. Moitos afiliados e simpatizantes se desplazaron ata o hotel de cinco estrelas para poder ver de cerca ó candidato e actual presidente da Xunta de Galicia.

Nunha rolda de prensa posterior Touriño dixo que o motivo da súa inasistencia foi darlle un maior protagonismo á número dous pola provincia, a Conselleira de Política Territorial, María José Caride, quen non contou co apoio suficiente das bases do partido durante á conformación das listas.

Sexa certo ou non, hai que recoñecer que a falta de Touriño foi unha decisión equívoca pola súa parte posto que a súa simple presencia otorgáballe maior importancia e representatividade á presentación das litas que desta banda case pasaron inadvertidos pola prensa.

jueves, 29 de enero de 2009

¿Propaganda eletoral na web da Xunta?


O Movemento pola igualdade no emprego público, acusou á Xunta de Galicia presidida en funcións por Emilio Pérez Touriño, de empregar a páxina web oficial para facer propaganda electoral, e subvencionar así a campaña electoral que o PSdeG e o BNG están a facer por mor das eleccións autonómicas.

Este Movemento non sabemos moi ben por quén está dirixido, aínda que nolo imaxinamos, posto que na web da Xunta da Galicia non existe propaganda partidista.

Antes de acusar a ninguén con cousas tan absurdas, deberían asegurarse primeiro de que non meten a pata...


miércoles, 28 de enero de 2009

¿Haberá debate na Arxentina?

Agora a polémica do debate a dous entre Feijoo e Touriño xa non é en Galicia, senón en Arxentina.

Da a casualidade de que os dous candidatos coincidirán no principal país que alberga a emigrantes galegos, tendo así a posibilidade de debater no estranxeiro o que non debaten aquí.

Nós seguimos insistindo, ante as críticas que está levantando esta cuestión no PP e en determinados sectores da opinión pública, en que o noso candidato non debe permitir que se lle tache de cobarde ante un reto dialéctico co seu homólogo popular.

Se ese duelo se produce, nós nos temos dúbida de quén sairá vencedor, e polo tanto non hai que agocharse fora para facer o que hai que facer aquí.

Se se volve plantexar, que o medo non nos volva cara atrás.

martes, 27 de enero de 2009

Álvarez Cascos perde o norte


O ex-vicepresidente do goberno na época popular, Álvarez Cascos está a perder a cabeza co paso do tempo. Nunhas declaracións feitas onte acerca das vindeiras eleccións autonómicas na nosa comunidade dixo que Galicia estaba nunha situación de "extrema inxustiza posto que en Galicia non goberna quen gaña".
Chegou a dicir algo así como que "en Galicia arrasa o PP e que non goberna". Nós queremos pensar que as súas lides amorosas son as que lle fan perdelo sentido de vez en cando.

Veremos haber que pasa en pouco máis de un mes.

A muller de Paco Vázquez posta en tela de xuicio pola xustiza


A Axencia Española de Protección de Datos iniciou un procedemento sancionador contra a muller de Paco Vázquez, por unha posible infracción da Lei de Protección de Datos e podería enfrontarse a unha multa de ata 300.000 euros.

O Movemento polos Dereitos Civís (MPdC) presentara en xullo de 2007 unha queixa perante a AEPD en relación cos dispositivos de vídeo-vixilancia instalados na casa que Paco Vázquez, actual embaixador de España en O Vaticano, e a súa dona, María del Carmen de la Iglesia Illanes, teñen na coruñesa Rúa do Parrote.

As cámaras estaban situadas no exterior da vivenda e apuntaban cara a vía pública; ademais non estaban convenientemente sinaladas segundo indica a Lei, nin se informaba ós afectados do procedemento de acceso e cancelación dos seus datos.


Isto agravouse dado que Paco Vázquez non chegou nunca a firmalo contrato coa empresa de vixilancia polo que as imaxes formarían parte a título do contratante, neste caso a familia Vázquez, velaquí o agravante.

Dende aquí queremos salvaguardala imaxe dun dos principais valedores do noso partido e alcalde da Coruña durante máis de dúas décadas.

Touriño.TV define ao candidato

http://www.xn--tourio-0wa.tv/?speed=1276

Na páxina web habilitada para estas eleccións autonómicas nas que Emilio Pérez Touriño se presenta como candidato, José Ramón Fernández define ao noso Secretario Xeral como o Presidente que Galicia precisa para traballar xuntos pola modernización e polo impulso á sociedade galega.

lunes, 26 de enero de 2009

Zapatero supera a crise dos parados


Zapatero tivo hoxe o seu debate máis difícil dende que ocupa a presidencia do goberno. Nada máis e nada menos que tratar de dar resposta ás enormes preocupacións e inquedanzas dos cidadáns españois neste momento de "profunda" crise. E digo "profunda" entre comillas porque ó fin recoñeceu publicamente que estamos a pasar un momento de fonda desaceleración e incertidume financeira e económica.

E como nos ten acostumados, non o fixo mal. Eso si, pasouno peor que a primeira vez que acudiu a "59 segundos". E é que as cousas non están ben, segundo Zapatero recoñeceu.

As preguntas comezaron ben quentes. Sucedíanse unha tras outra e todas versaban sobre o mesmo tema: a crise económica e o paro. O noso presidente culpou en máis dunha ocasión ós Estados Unidos como causante do efecto dominó que provocou que hoxe haxa en España máis de tres millóns de parados.

Zapatero dixo que debiamos confiar en España, nas gañas de saír adiante e de traballar dos cidadáns e da sociedade española. Outra cousa que negou taxantemente é que o goberno non lle regalou diñeiro ós bancos.

O demáis xa é historia, a nena con sindrome de down, a parada que lle pedía empleo ou o xubilado que afirmou non chegar a fin de mes, quedará nunha anécdota a partir de mañá, cando todos e todo se esqueza.

Me pido as Galescolas!!

Touriño xa deixou sobre a mesa a necesidade de que as Galescolas sexan unha competencia da Consellería de Educación, e non da Vicepresidencia, como está agora mesmo.

Todos sabemos o que lle gusta a Quintana meterse en campos que lle reporten beneficio electoral, e a Educación infantil é un filón que colleu e que se apropiou sen ningún sentido común, por outra banda. Xa que as guarderías son unha cousa que sempre dependeu de Educación e é incoherente que siga sendo o responsable de Igualdade e Benestar o encargado de xestionalas.

Nós xa fai tempo que o viñamos mantendo, pero a culpa de que o sangue chegase ao río co tema das Galescolas é só nosa, por permitir que o BNG fixese delas un fervedoiro de aleccionamento nacionalista. Tiñamos que saber xa no seu momento que isto nos perxudicaría electoralmente, e agora que se palpa ese perxuizo, xa era hora de reaccionar.

Agardamos que ese trasvase de competencias da Vicepresidencia á Consellería de educación, se faga no menor tempo posible, para reparar o dano feito nisto.

sábado, 24 de enero de 2009

Segue a parecernos unha desfeita


O PP xa pechou as súas candidaturas nas 4 provincias, e nós aínda andamos dando tumbos coma un partido de segunda división.

O peor de todo non é iso, senón que o feito ata o de agora non fai mais que agravar o descontento dos sectores importantes de Galicia, e, en concreto de Pontevedra.

Ao deixar a Dolores Villarino fora das listas están a ningunear a unha grande loitadora do PSdeG que exerceu un gran papel de Presidenta do Parlamento e de Deputada durante moitos anos.

Os apoios cos que conta esta gran militante e defensora dos ideais socialistas son demasiados para que pase indiferente este xeito de obviala e sustituila por unha recén chegada e protexida do Presidente, aínda non temos claro por qué tanto proteccionismo con ela.

O tirón que ten na cidade de Vigo non é demasiado grande, e o seu carisma ás veces agóchase para non atopalo nin cun aparato de raios X.

Sinceramente, non o entendemos, e visto o ambiente de tensión e tirantez que existe no Partido en Vigo por isto que moitos consideramos un atropelo, non sabemos a repercusión que terá nos resultados electorais.

Dende logo, xa temos algunha noticia de certos sectores que están facendo campaña polo voto en branco...

viernes, 23 de enero de 2009

Quén puidera namorala, meu amigo


Esta fermosa canción é a escollida polo PSdeG para darlle son á campaña electoral dun xeito mais orixinal que o clásico himno socialista. Himno que, sen embargo, a militancia reclama nos actos, como xa tivemos ocasión de comprobar na proclamación de Touriño como candidato á Xunta de Galicia.

Os militantes se identifican con él, e lles gusta escoitalo. Pero sen dúbida, nós somos conscientes de que a orixinalidade é a que marca a pauta de comportamento dos socialistas nos tempos que corren.

Somos afortunados, por outra banda, de contar co apoio e a axuda da sempre posta en tela de xuizo polos nosos oponentes "Sociedad General de Autores e Editores", que de seguro se portará ben con nós desta vez igual que o fixo anteriormente.
No niño novo do vento será a banda sonora da nosa victoria electoral o 1 de marzo. A música posta por Luis Emilio Batallán a un poema de Cunqueiro, e versioneada para nós por Xoel López, o líder de Deluxe, encherá de boa sintonía a campaña, que boa falla fai despois das trafulcas tidas por mor das listas electorais.

A música sempre alegra os tempos de crise, e nós contribuiremos a que así sexa.



jueves, 22 de enero de 2009

¿Se cree Espartaco?



E este home se cree Espartaco... veremos despois do 1 de Marzo.

Fotocopias e emigrantes

A medida da presentación das fotocopias do DNI ou Pasaporte xunto co voto por parte dos emigrantes, non está gustando nin aquí nin aló.

Unha medida que o Candidato do PPdeG reclamou como "a garantía", mentres que non se vote en furna.

Menuda garantía, nós dicimos que iso non serve para nada, que se hai irregularidades que tamén se toleraron no goberno do PP, seguirá habéndoas agora aínda tendo que presentar as fotocopias da documentación, que, por outra banda, moitos non teñen.

Dende logo, compartimos a postura de Touriño ao dicir que éste non é o momento de tomar este tipo de medidas que restrinxen un dereito que en Galicia nos vai favorecer a todas luces.

Postura tamén compartida polos emigrantes, que o que queren é votar en furna e non que se lles moleste con mais papeleo do que xa teñen que facer.


miércoles, 21 de enero de 2009

Ferrol sairá da crisis empresarial



Ferrol é a vila por excelencia onde máis fondamente deíxase notar unha crise económica. Ben coa reconversión industrial de comezos dos setenta, ben coa recesión económica de mediados dos noventa, ou ben coa "desaceleración económica" que está a vivir Galicia nestes tempos. E todo isto o sabe Touriño.

Por elo, "o presidente de todolos galegos" estivo onte en Ferrol para facer balance do feito co plan que se puxo en marcha fai xa catro anos e estudiala situación empresarial das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

Touriño destacou que a acción do Goberno da Xunta permitiu a creación de 1.792 novos postos de traballo gracias ós préstamos concedidos ás empresas. Ademáis afirmou que se puxeron en marcha as medidas pertinentes para continuar pola senda da creación de emprego na comarca ferrolana e evitar que a crise económica volva a golpear históricamente esta vila industrial.

Estas palabras de avance e progreso non foron apagadas pola manifestación secundada e convocada pola CIG trala desaparición de cinco postos de traballo na Casa do Mar ferrolán, ó que o Touriño, como non podía ser doutra forma, restoulle importancia.

Ante a provocación, resposta



O aspirante a Presidente, Alberto Núñez Feijoo, debe pensar que é tan bó na oratoria e na retórica, que nos asusta debatir con él.

Xa lle demostramos no seu momento que Touriño sabe defenderse sen ningunha dificultade ante os seus ataques sen razón, e que non lle da medo enfrontarse a él nos retos dialécticos que sexan. E por iso, por unha banda, non temos a necesidade de pasar probas de lume en debates a dous coma se isto fose unha jinkana dun concurso televisivo.

De sobra sabemos que Feijoo ten medo de non sacar a maioría suficiente para gobernar e de que o seu partido o convirta nunha ex estrela sen brilo.

O debate debe ser a tres, non atopamos motivos para excluir ao noso socio de goberno , o BNG, dunha cuestión que nos atinxe a todos.

Aínda así, por outra banda, coidamos que o Presidente debería aceptar tal encontro cara a cara, xa que doutro xeito, nun xogo demagóxico, están a facer que pareza que temos medo, e son eles os que deberían telo. Nós non temos por qué ser víctimas de temores e de pantasmas que outros pariron.

Dende Socialistas na Vangarda, animamos a Touriño a plantexar un debate con Feijoo, e a demostrarlle que o Partido Socialista está onde está porque ten motivos suficientes para estalo. A demostrar a Galicia que non hai alternativa mellor que a continuidade do goberno bipartito liderado por nós.

Podemos!

martes, 20 de enero de 2009

Continúa a polémica en Vigo

Na cidade olívica continúa a polémica entorno ás decisións que se tomaron no Puerta del Camino o sábado respecto aos candidatos que acudirán ás furnas en postos saíntes na lista do PSdeG pola provincia de Pontevedra.

Hai sectores cun cabreo considerable que non fai mais que crecer a medida que se achega o 1-M, sectores que non están pola labor de deixar pasar un atropelo semellante coma o de deixar fora do Parlamento á que nesta lexislatura o presidiu amosando que é unha persoa preparada para afrontar calquera reto.

Aínda así, Touriño decidiu deixarse manipular polo sector interesado en introducir de novo a Abel Losada no Pazo do Hórreo, cuio líder é o Alcalde Caballero.

Nós queremos darlle un guiño de apoio a Dolores Villarino, xa que a renovación entendemos que ten que facerse en consenso, e por suposto, non deixándose manexar por uns poucos con intereses particulares, e menos aínda, metendo a presión aos novos fichaxes de nº2 contra a evidente vontade das asambleas feitas nas distintas locais.

Touriño está cometendo o erro da súa vida, polo que xa temos noticia de que perderá uns cantos votos de militantes disconformes con cómo se están levando as cousas no Partido ultimamente.

Aínda veremos cómo segue esta historia, que non ten trazas de rematar ben.

lunes, 19 de enero de 2009

O PP non conseguirá a maioría absoluta

Iso é o que están a dicir todas as enquisas, sen ir máis lonxe, a publicada hoxe na razón na que segundo eles o PP sacaría entre 35 e 37 deputados.

Pero non toda sonrisa é boa porque segundo os sondeos o BNG sería a única forza que subiría en votantes e escaños con respecto ás pasadas eleccións autonómicas. O estudio reflexa que haberá uns 15.000 ex-votantes socialistas que votarán ós nacionalistas.

O único positivo dos sondeos é que o Partido Popular gañará as eleccións pero non lle será suficiente para gobernar en solitario mediante maioría absoluta. O PSdeG sacaría entre 24 e 25 escaños que sumados ós 14-15 do BNG daría suficiente para voltar a gobernar en coalición.

É incomprensible como a xente poida creer e aumentar a súa confianza no BNG cando está a demostrar que é imposible levar a cabo calquera medida ou acordo con eles. Que se a imposición lingüística, que se o concurso eólico, que se as galescolas, en fin, os galegos aínda teñen máis de un mes para reflexionar.

Mais, mais e mais

Mais axilidade coa Lei da Dependencia, mais galescolas, mais xulgados de violencia de xénero, mais transparencia na Administración.

Todas estas promesas abrían a precampaña electoral onte en A Coruña, onde o noso Presidente se comprometía a darlle continuidade ás políticas sociais postas en marcha dende a Xunta de Galicia presidida polo PSdeG.

Púxose de manifesto a necesidade de contar cos colectivos sociais para dar traslado ao futuro goberno de Galicia das necesidades coas que se conta e que moitas veces non se ven dende o poder.

Deste xeito ábrese unha nova etapa de melloras, de avances sociais, que o Partido Socialista comprométese a seguir facendo, sempre ao lado dos que mais axuda precisan, coma sempre fixemos.

domingo, 18 de enero de 2009

O automóbil non levanta cabeza


As cousas pónse cada vez máis feas en Vigo. Como todos sabemos a cidade olívica vive principalmente en torno a dous grandes sectores que poñen a Vigo no mapa e son o motor e o día a día da cidade: a pesca e o automóbil, ou o que é o mesmo, Citroën.
Como nos invade un sentimento de pesimismo e desaprensión, simplemente me vou dedicar a plasmar a noticia reflexada no Faro de Vigo e que coñeciamos na maña de onte:

"O anuncio da supresión de 900 empregos máis na factoría de Citroën en Vigo e a previsión das empresas auxiliares de perder 2.000 postos de traballo como consecuencia desa medida son dúas pésimas noticias para empezar o ano.

A multinacional francesa acaba de confirmar algo que ata agora era un temor latente en toda Galicia: as medidas adoptadas para afrontar a crise son insuficientes e, xa que logo, son necesarios novos recortes na produción e o emprego. Ademais de suprimir eses case mil empregos, a compañía anunciou que a partir de abril se cancelará a quenda de noite, que a factoría permanecerá pechada do 20 de febreiro ao 9 de marzo e que, pese a todas esas medidas, non descarta aplicar expedientes de regulación de emprego.

Cos recortes xa efectuados e cos anunciados o pasado xoves, o persoal da planta automovilística de Balaídos quedará en 6.800 traballadores, un 30 por cento menos que fai un ano. Asínaa gala rebaixou aínda máis a súa produción prevista para 2009, que por vez primeira na última década quedará por baixo da barreira dos 300.000 coches, un 45 por cento menos que 2007, o ano de todos os récords, cando a crise aínda non asomara pola porta".

Creo que millor é non dicir nada máis pola miña banda, os datos falan por sí sos.

sábado, 17 de enero de 2009

A mellor candidatura non se cambia, refórzase


Esas foron as palabras coas que nos deleitaron hoxe pola mañá no hotel Puerta del Camino en Santiago de Compostela.

Alí aprobáronse definitivamente as candidaturas do PSdeG para o Parlamento de Galicia, nas que vimos cómo históricas do Partido coma Dolores Villarino víronse relegadas ao olvido por recén chegadas que concurrirán de número dous.
A pesares da oposición da militancia, que manifestamente dixemos que NON a este atropelo nas asambleas celebradas nas diferentes locais, tivo que ser, e foi. Pues bueno...

Pero os comentarios que se fixeron ao remate do Comité foron moitos deles entorno á frase que titula este post. Relevo xeneracional quererán dicir en postos de recheo... se é así si, pero en postos de saída de renovación mais ben pouca, por non dicir nada, e iso de relevo xeneracional... vexamos onde queda.

viernes, 16 de enero de 2009

¿Voto emigrante legal ou non?


O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, reprobou hoxe o "fraco favor" que se fai a Galicia ao "poñer en dúbida o resultado das eleccións" en relación coas garantías coas que conta o voto emigrante nos comicios galegos do 1 de marzo.

Na roda de prensa posterior ao Consello da Xunta, preguntado polos xornalistas sobre esta cuestión, o máximo mandatario galego asegurou que "o resultado electoral decídeno os galegos cos seus votos" e está "garantido democráticamente".

"A estas alturas non podemos nin debemos utilizar determinados elementos na campaña electoral, como é poñer en dúbida o resultado electoral", censuró, visiblemente molesto, tras o cal decidiu finalizar a roda de prensa.

Deste xeito, o xefe do Executivo galego rehusó dar contas sobre a información que publica hoxe Xornal de Galicia, que recolle o caso dunha muller que 'votou' desde Bos Aires durante as anteriores eleccións xerais, malia que levaba dous anos falecida.

jueves, 15 de enero de 2009

A campaña do século

Onte, Mar Barcón e Ricardo Varela presentaron as liñas que seguirá a campaña do Partido Socialista nestas vindeiras eleccións autonómicas envoltas na néboa da crise.

Será unha campaña marcadamente presidencialista, que destacará a imaxe do Presidente Touriño como o salvador de Galicia nunha época escura na que o paro crece e a crise escribe o guión das vidas dos galegos e galegas.

Unha campaña que contará co despliegue de medios preciso para facer chegar a mensaxe a toda Galicia: vallas publicitarias, espazos publicitarios diarios en televisións e radios, sen esquecer a prensa escrita e dixital.

Un auténtico torbellino publicitario dirixido por unha das empresas madrileñas mais prestixiosas do panorama nacional, que non escatimarán en nada para acadar o noso obxectivo: a Presidencia.

Se despois disto aínda quedan dúbidas en alguén para decidir o seu voto, sempre quedarán as estratexias de sempre, mais tediosas e mais invisibles que as que veremos a partires de hoxe.

Touriño, traballo traballo traballo



Esta é a presentación de Emilio Pérez Touriño como candidato á renovar a presidencia da Xunta de Galicia.

miércoles, 14 de enero de 2009

Quid pro Quo

Esta expresión , que provén do latín, significa "algo por algo". Sospeitamos que a fraseciña é moi utilizada estes días na cidade de Vigo, onde MªXosé Caride non foi aceptada como candidata ao Parlamento de Galicia, pero que recibirá os apoios precisos como faga falla. Esa é a promesa que lle fixo Abel Caballero a Touriño.

Claro que, ninguén da nada a cambio de nada, e, como versa o noso idioma mater, douche se ti me das. Veremos cál foi o acordo co tempo...

Está ben o choio, pero as bases falan alto e claro, como xa apuntamos onte. O problema é que moitas veces non nos escoitan, e xa se están buscando fórmulas que permitan que, a pesares do rexeitamento da militancia a esta maniobra, se faga de tódolos xeitos.

Entón, ¿para qué se molestan en facer asambleas se logo non se respeta o seu resultado?




martes, 13 de enero de 2009

As bases falan alto e claro


E nelas se está explicitando de xeito contundente que o desexo maioritario é que o Partido conte coa xente que traballa para él sen pedir nada a cambio, pero sen dúbida, agardando por algo en pago por ese traballo desinteresado nas bases durante tanto tempo.

Que de repente agora se pretenda meter con calzador aos Conselleiros nas candidaturas ao Parlamento de Galicia, non está cuaxando moito, e está xerando incomodidades impropias dun partido que sempre contou, ou esa era a idea, coa xente da rúa, que representa á poboación que os vai votar nas furnas.

¿Por qué esa imperiosa necesidade de incluir a Mª Xosé Caride na lista de Pontevedra? xa se deixou claro que non gusta, que non cala, que non chega aos militantes socialistas, que hai mais xente mellor ca ela para liderar unha candidatura.

Os Conselleiros están copando os postos de saída e isto o único que vai traer, como xa se viu onte na asamblea de Vigo, é tensións internas que nada conveñen nesta época. A impugnación da votación de onte, é só o principio dunha longa loita das bases por recuperar o protagonismo que merecen.

Xa o dixemos e volvemos a insistir. Mentres o PSdeG non conte cos traballadores de toda a vida, irá perdendo pouco a pouco, irá minando a moral das persoas que día a día, incansablemente, loitan polos ideais socialistas, e non por sí mesmos.


lunes, 12 de enero de 2009

Con Lobeira se saltan a norma


Os estatutos do Bloque limitan o número de legislaturas dos seus deputados polo que a Bieito Lobeira tocáballe cambiar de aires.

Pero claro, prescindir dun dos mellores arietes nun momento tan decisivo é como sentar a Messi no banquiño no partido no que se xoga a Liga, e Anxo Quintana non está para permitirse estes louxos de cara ás eleccións autonómicas polo que como dixo o dirixente nacionalista, sempre hai unha excepción que confirma a regra.
Imos, que Lobeira repite. Xa lles adiantamos, vai de cuarto por Pontevedra.

E xa saben, se hai bipartito de novo e ao BNG tócalle no reparto a consellería de Pesca, xa saben quen vai ser o conselleiro.

Segunda parada de Touriño en Vigo

Logo de ser arropado polo Presidente do Goberno José L. Rodríguez Zapatero no arranque de campaña en Orense, Emilio Pérez Touriño estivo onte en Vigo dentro da súa campaña como candidato ás próximas eleccións do 1 de Marzo.

Touriño fixo unha referencia moi especial neste acto (que tiña un contido esencialmente económico), ao seu compromiso de que de gañar as eleccións, dará un firme impulso poñendo en marcha as directrices para que a ordenación do territorio sexa unha realidade canto antes.
Para iso creásense áreas metropolitanas para o norte e o sur da comunidade dentro do plan configurado por Política territorial coa creación de dúas áreas funcionais norte/sur, coas tres grandes áreas urbanas e os nodos para a recuperación do territorio.

Desecha pois, a constitución do Área Metropolitana que demandaban os veciños que a través dunha recolleita de firmas (unhas 15.000), da Federación Vecinal "Eduardo Chao", que pretendía a consecución dun debate no parlamento Galego. Esta iniciativa xa non foi posible por ser disolto o Parlamento tras ser convocadas as eleccións.

Hai que recordar que estas formulacións non son os consensuados coa proposta do -Vigo 28- que suscitara Abel Caballero como candidato a alcalde ás municipais do 2007 e que compartía o propio Touriño. Tambien o Sr. Mendez Romeu, Conselleiro de Presidencia tiña a súa propia alternativa propoñendo un consorcio de servizos.

Así todo e pese as diferenzas, é de enorme importancia a creación das áreas metropolitanas en torno ós principais núcleos poblacionais e ecónomicos da comunidade como motor de futuras comunicacións e fusións.

Esperemos que non quede en "auga de borraia" e que o noso presidente Touriño poida cumplila súa promesa.

Delirios de grandeza

Tanto PP coma BNG están completamente envoltos nun delirio onírico insólito se temos en conta a marcha de Galicia nestes 4 anos de progreso.

Os dous partidos afirman que van gañar as eleccións, e obvian o que nos parece que é a realidade: o Partido Socialista está en imparable avance, nunha ascensión cara un goberno que pretende ir a mais.

Os 39 escanos cos que soña o PPdeG non deixan de ser unha utopía coa que pretenden levantar os ánimos dunha tripulación baixa de moral. Mentres que o goberno nacionalista co que soña o BNG non deixan de ser o reflexo do temor das súas filas de baixar, e a esperanza de que, o que vaticinan as enquisas non poida cos ánimos dos votantes nacionalistas.

As declaracións de Quintana autoproclamándose case como Presidente da Xunta, e acusándonos de permitir que voten os mortos nos países que acollen emigrantes galegos, non só son completamente falsas, senón que tamén son ofensivas e indignas dalguén que comparte goberno con nós.

Non estamos seguros de que Quintana estea escollendo o mellor camiño nesta recén iniciada precampaña. Sería mellor para él que cambiara o disco.

domingo, 11 de enero de 2009

Ánxela Bugallo non convence


A conselleira de Cultura Ánxela Bugallo non contou coa confianza das bases do seu partido nin do seu presidente Anxo Quintana, polo que non concorrirá como número un nas listas pola provincia de A Coruña nas vindeiras eleccións autonómicas.

A cousa aínda se agrava máis ó saber que a deputada que concorría como número dous para conformar as listas do BNG por Coruña, Ana Belén Pontón sacou máis do dobre de votos na Asamblea Nacionalista celebrada a metade de semana.

Non deixa de ser sorprendente que a conselleira de Cultura non conte a día de hoxe co apoio do grupo máis próximo a Quintana, nin tan sequera coa confianza da persoa que a colocou no cargo, o propio Anxo.

Agora son moitos os rumores acerca de cales poideron ser os motivos polos que os compromisarios nacionalistas non depositaran a súa confianza en Ánxela Bugallo. Se di que o recente despido da consellería do que fora Secretario Xeral poido ser uns dos malestares xerais, xunto co apoio á Fundación Cidade da Cultura.

Chegan as eleccións e todos queren obter un sillón. A cousa acaba de comezar...

sábado, 10 de enero de 2009

A Secretaria Xeral das XSG volve tirar das orellas ao BNG


Loli Rodríguez Amoroso está decidida a poñer os puntos sobre os ies ao socio de goberno do PSdeG.

E para iso, volve cargar contra os nacionalistas que tamén forman coalición co PSOE no Concello de Fene. Semella que ao Bloque non lle sentou moi ben que os cidadáns de Fene lle retirasen o apoio nas furnas para acadar a Alcaldía, como estaban acostumados, e están tirando pedras contra o seu propio goberno municipal, facilitándolle tremendamente a laboura de oposición ao PP.

A trafulca viu esta vez motivada por unha obra encargada e posta en marcha polo anterior goberno liderado polo BNG, que contaba cunha subvención de 90.000€ da Consellería de Presidencia. Subvención que nunca foi empregada ao 100% en dita obra, pero que sen embargo foi xustificada e certificada como tal.

E como isto é ilegal, nós vémonos na necesidade de denunciar aos nosos socios de goberno... qué contradiccións ten a vida. De non ser pola ineptitude do BNG, agora non teriamos que vernos envoltos neste tipo de situacións, que a 7 semanas das eleccións non nos traen mais que dores de cabeza.

Deixámovos o enlace para que poidades ler a opinión que isto merece á nosa Loli.

http://blogdeloli.blogspot.com/2009/01/o-do-bng-non-ten-remedio.html

viernes, 9 de enero de 2009

O castigado Meijón


Segundo temos entendido, o actual Deputado socialista pola provincia de Pontevedra, Guillermo Meijón, que formou parte da anterior candidatura no posto 6, vai permanecer nel, se é que non baixa.

O bo de Guillermo, que fixo estes catro anos un traballo excelente no Parlamento de Galicia, non se vai ver recompensado polo esforzo feito, senón que, pola contra, vai ser considerado igual ou menos que nas anteriores eleccións.

O Presidente Touriño será o que encabece a lista pontevedresa, seguido dos Conselleiros que porá en postos de saída, mentres que os Deputados que desenvolveron un bo traballo non se verán recompensados, mais ben serán castigados por non ter sido caras mais visibles con tirón mediático.

Vemos que á hora de confeccionar unha candidatura, prima mais o popular que sexa un nos medios de comunicación ou o guapo ou feo que o xulguen, antes que a evaluación do traballo desenvolto.

Non entendemos os criterios que se siguen para deixar a Meijón relegado a postos baixos. Él ben merece subir nunha lista na que sobran personaxes e faltan persoas.

Ten todo o noso apoio Don Guillermo.

jueves, 8 de enero de 2009

Falta "calado" político


De imprevisión e improvisación podemos catalogar as políticas que nosos políticos viñeron desenvolvendo en relación co potencial comercial do porto de Vigo.

Comprobamos como pasa o tempo e todo segue igual. Non é de recibo que uns 300 buques ó ano teñan que refuxiarse nas Illas Cíes en espera, ata atopar un sitio de atraque nas instalacións portuarias.

Mentres, industriais e consignatarios non se cansan de repetir con urxencia a necesidade de dotar ó porto de máis amplas e mellores instalacións, de maior calado ect, que permita o atraque de crecente demanda de buques, os responsables do BNG refúxianse nas súas posicións tradicionais e radicais, contrarias ó progreso, bloqueando a necesaria ampliación.

Recordamos hoxe que xa o pasado 17 de decembro, nunha reunión co tenente de alcalde, Santiago Domínguez, a directiva da Federación de Usuarios deixáronlle abofé que a postura do BNG supón deixar a Vigo sen capacidade para competir coa cidade de A Coruña e Ferrol, cuxos portos exteriores estarán proximamente a pleno rendemento.

Por iso, emplazamos ó alcalde Abel Caballero para que colla as rendas e lidere unha saída a este caos portuario facendo entrar en razóns ó seu socio no goberno municipal. De non facelo con rapidez esta situación seguirá pasándolle factura ó principal motor económico da cidade, o porto.

Funcionarios amenazan a Quintana


Varios funcionarios de diferentes órganos ameazaron a Quintana con facer público os texe-maneques que se están a levar a cabo dende a Vicepresidencia cos famosos "contratos de emerxencia".

Estes funcionarios din que non están dispostos a aguantar máis favoritismos cos afiliados, amigos e simpatizantes do BNG. Afirman que a meirande parte dos contratos que se están a dar de alta nos derradeiros meses son postos a dedo.

O BNG defendeuse culpándonos a nós de non cundir co exemplo e as reacción dentro do PSdeG non se faran esperar.

A cousa promete, e máis en época electoral.

Quintana segue soñando


Anxo Quintana veu dicir hoxe que os galegos teñen que votar ao BNG para que éste poida ter o maior peso dentro do bipartito.

Esa é a súa aspiración, reeditar o bipartito, facer de nós o que quere como fixo ata o de agora.

Menos mal que o PSdeG ten outras aspiracións para Galicia. O PSdeG será quén de gobernar en solitario, de convertir a Galicia naquilo que comezou a facer 4 anos atrás, pero sen axuda dos nacionalistas, sen axuda dos que nos poñen en entredito cada día na prensa, dos que nos acusan de facer maniobras extranas co concurso eólico, dos que nos acusan de ter Conselleiros sen formación académica nin posibilidades políticas serias.

O BNG presume de dar estabilidade ao goberno galego, pero esa estabilidade dista moito de ser real e a súa xestión últimamente (coidamos que froito do nerviosismo das eleccións) redúcese a atacar ao Partido Socialista, ao seu socio, á chave que lle deu paso ao goberno. Sen nós non son nada, e, sen embargo, osan predecir un goberno con Quintana de Presidente.

miércoles, 7 de enero de 2009

Disolto o Parlamento


Hoxe quedou oficialmente disolto o Parlamento de Galicia. A disolución foi publicada no DOG, Diario Oficial de Galicia, polo que os galegos e as galegas están chamados oficialmente a acudir ás urnas o próximo 1 de Marzo.

Esperemos que estes catro anos de presidencia socialista sexan suficientes para que os votantes galegos se den conta da importancia dun goberno de progreso, dun goberno en movemento e dun goberno que quere continuar coa política da comprensión e avance catro anos máis.

Para elo dende aquí, dende o noso portal, pedímosvos que sentedes a cabeza e votedes unha ollada cara atrás, pero especialmente pedímosvos que reflexionedes para que o PSdG poida gobernar en maioría, sin ter que depender do BNG.

Durante estes catro anos as constantes incomomodidades de gobernar con BNG fixéronse paténses. É moi compricado sacar adiante unha proposta co rechazo incesante do hasta hoxe socio de goberno.

Méndez Romeu en decadencia


Xosé Luis Méndez Romeu non repetirá como cabeza de lista socialista nas eleccións autonómicas pola provincia de A Coruña. O seu lugar ocuparao a deputada e concexal Mar Barcón.

Deste xeito Barcon desprazará como número un ó actual Conselleiro de Presidencia e peso pesado no partido, cousa que ó parecer non lle sentou moi ben segundo membros da executiva do partido.

Pola súa banda, Mar Barcón segue escalando posicións dentro da estructura do partido e hai quen xa a considera a sucesora inmediata de Javier Losada, actual alcalde da Coruña, xa que este goberna en minoría e non foi quen de ocultar a grande sombra de Paco Vázquez.

Anxo Quintana e Carlos Negreira serán os seus contendentes. As recentes encostas sitúan o feudo coruñés como chave para o PPdeG de cara a recuperar a Xunta de Galicia, cousa que Barcón non vai permitir.

Dende aquí estaremos pendentes de como se constituen a totalidade das listas de cara ás eleccións do 1 de Marzo.

O impulso do cambio

PSOE TV entrevista ao noso candidato á Xunta de Galicia para rematar de impulsa-lo cambio que se comezou vai 4 anos.

lunes, 5 de enero de 2009

As autopistas non logran o "todos a unha, señor"

É dabondo coñecido que unha das obras literarias máis importantes do insigne escritor Lope de Vega é Fuenteovejuna, obra teatral en tres actos onde no primeiro preséntanse os feitos e circunstancias, no segundo vanse desenvolvendo os feitos e no terceiro resólvense.

Como é sabido, trátase dunha obra de contido social e reivindicativo, que representa a rebelión do pobo, unido contra a tiranía e a inxustiza.

Traemos isto a colación, pola falta de consenso por parte dos tres partidos, -PSdeG, PPdeG e BNG,- para aprobar por consenso un texto basee para unha proposición de lei, a fin de reclamar ao Goberno Central o cumprimento dos prazos para a chegada do tren de Alta Velocidade a Galicia.

Ante esta falta de consenso, PP e BNG, estudan facelo eles sos sen contar co presidente da Xunta de Galicia. Esta posibilidade, tal como ao final manifestaron, presentarana aos seus respectivos grupos parlamentarios, que serán os que en última instancia decidan.

Cremos que do mesmo xeito que na obra de Lope de Vega, están moi claros os "feitos e circunstancias" en como se viño desenvolvendo o devandito AVE, agora o que faltaría sería o "Tercer Acto", é dicir, que se cumpran os compromisos contraídos polo Goberno.

Nun asunto de tanta transcendencia para Galicia como son as grandes infraestructuras, e máis concretamente no caso que nos ocupa, é necesario facer o noso o de Fuenteovejuna, todos a unha!.

O 1 de Marzo todos a votar


O Presidente Touriño fixo fai pouco unha declaración institucional na que anunciou que xa está firmado o decreto de disolución do Parlamento de Galicia, constatando que a data das eleccións será o vindeiro 1 de marzo.

Touriño salientou que nesta data é importante que tódolos galegos e galegas vaian a votar, a exercer o seu dereito democrático ao voto, para escoller aos representantes e gobernantes que dirixirán Galicia durante os próximos 4 anos de proxecto ilusionante.

Deixou claro tamén que, nesta lexislatura, o Goberno galego foi transparente e non houbo escurantismo,a pesares das continuas críticas da Oposición ao respecto.

Touriño destacou a importancia de coidar o galego coma idioma propio e de facer del un vehículo de convivencia. Finalmente suliñou de novo a necesidade de permanecer unidos, xa que a separación debilita, facendo así un guiño ao BNG, que nestes tempos que corren parece que non se sinten demasiado unidos a nós...

Quintana e o seu dobre discurso

O Vicepresidente da Xunta de Galicia ten moito valor ao falar da maneira que fala con respecto ao futuro resultado electoral.

Quintana dixo coa boca chea (non entendemos moi ben por qué) que aspira a que a Presidencia da Xunta de Galicia sexa para o BNG... delirios de grandeza do responsable nacionalista, xa que é imposible por mera lóxica.

Pero non só contento con esa proeza, dixo ademais que quería "mellorar os mecanismos de corresponsabilidade transversal do Executivo, independentemente de que se traballe en áreas distintas"... ¿terá idea Quintana de que o primeiro que debería mellorar a responsabilidade á fronte dun goberno de coalición coma o Bipartito é él mesmo? ¿Terá idea de que atacando ao Partido Socialista non se logra unir, senón separar? ¿Terá idea de que agora mesmo non nos convén abrir brechas na posibilidade mais que plausible de reeditar o pacto?

Alguén debería dicirlle que o primeiro exercicio de responsabilidade é coidar que non se produza unha victoria do PP, non subestimar esa posibilidade e asumir que somos un equipo, e non ter un dobre discurso que emprega cando mais lle convén segundo lle convén.

domingo, 4 de enero de 2009

Os bolsillos valeiros e en números vermellos


Hai que asumir e facer nosas tamén, as protestas xeneralizadas e o rexeitamento ás subidas desproporcionadas e inaceptables de artigos e servizos de primeira necesidade, que día si e outro tamén, anúnciansenos continuamente.

Para un momento de crise como o que padecemos nestes momentos, outro despropósito máis, acábase de anunciar: a subida da peaxe na AP- 9 dun 4,4 %.

Mentres PP e BNG, culpan a Magdalena Álvarez como responsable de fomento da autorización de devandita subida, nós desde aquí cremos que é Touriño, quén non debe permitir que Audasa exceda do IPC previsto, -un 2 %- e moito menos que se suba o prezo dos peaxes máis do dobre do IPC.

De pouco serve o que se nos anuncie unha xenerosa repartición da torta orzamentaria para con Galicia, se doutra banda, ben sexa por vía directa ou indirecta, baléiransenos os petos con aumentos de todo tipo, -neste caso de peaxe-, ademais dun pésimo servizo como se está a acontecer ultimamente, numerosas retencións, falta de previsión metereolóxica, ect.

Así é todo, Presidente Touriño, cremos que non podemos permitir que en tempos de crise os bens e servizos básicos teñan unha subida desproporcionada en relación coa subida dos salarios. Non nos podemos permitir facer unha viaxe de ida de Santiago a Vigo e pagar 7 euros so en peaxes.

viernes, 2 de enero de 2009

O Discurso do Presidente despide o ano con optimismo


Cando remata cada ano, o Presidente da Xunta de Galicia emite o seu discurso dirixido a tódolas galegas e tódolos galegos. Un discurso que este ano non defraudou.

Touriño expuxo que Galicia non escapou da crise económica, que nos veu posta, e que coas súas múltiples iniciativas, coas ideas para paliala no noso país levadas a cabo polo Partido dos Socialistas de Galicia, logrouse que os seus efectos non se notaran tanto.

Coma propósitos para o aninovo, o Presidente comprometeuse a poñer mais esforzos na loita contra a violencia de xénero, a todas luces insuficientes dado o elevado número de mortes que hai, e na mellora da seguridade vial, ámbito no que se están a segar demasiadas vidas de xeito absurdo.

Pero o que nos gustaría salientar aquí é o chamamento á unidade que Touriño fixo no discurso. Un sentido chamamento a alimentar as caldeiras deste tren en marcha... Preguntámonos por quén iría isto: ¿polo PP, o partido da Oposición, ou polo BNG, o noso socio de goberno? Tal e como están as cousas agora mesmo calquera resposta sería posible.